Ante a sentenza condenatoria contra os 6 compañeir@s pola acción simbólica realizada o 6 de xuño no supermercado MaxiDIA de Ferrol, dende a Asemblea de Desempregad@s da CIG queremos manifestar:
1- que o feito de que a pena imposta sexa a máxima solicitada polo Ministerio Fiscal (90€ a cada un e 275€ de indemnización á empresa DIA a pagar de forma conxunta), vén darnos a razón e confirma que con este xuízo téntase por un lado, criminalizar e frear a mobilización social en defensa dos nosos dereitos, e polo outro, dáselle amparo ás políticas antisociais e de recortes que condean á miseria a amplos sectores da poboación.
2- que esta sentenza inxusta e desproporcionada cando o custo monetario dos produtos retirados do supermercado aos que se atribúe o obxecto do furto constitúen a suma de 25.37€, mentres que a cantidade total da condea imposta @s nos@s compañeir@s ascende a 835€. Un completo despropósito que só dá forzas para reafirmármonos nas nosas conviccións e motívanos para continuar a loitar a prol das nosas lexítimas reivindicacións. Esta crise do sistema non a creamos nós e non estamos dispostos a pagar por ela!
3- como dignamente declararon os nosos compañeiros e compañeira o pasado 14 de setembro, dia da realización do xuízo, participaron nunha acción que procuraba denunciar a dramática situación pola que están a atravesar un cada vez maior número de traballadores/as desempregados/as que non perciben prestación económica algunha, e polo tanto, que non teñen recursos económicos para adquirir eses produtos de primeira necesidade que custodiam empresas como DIA S.A., véndose obrigad@s a encarar o camiño da exclusión social, inherente a este podre sistema capitalista.
Ferrol, 28 de setembro de 2012