terça-feira, 1 de maio de 2012

POLO EMPREGO E A DIGNIDADE NON FICAMOS PARADOS!

Vivimos nun sistema económico e social profundamente inxusto. Números cantan! Na Galiza xa andamos por volta dos 277.000 desempregad@s, que representan un índice de desemprego do18% sobre a poboación activa. E mes tras mes as estatísticas continúan aumentando, volvéndose unha situación realmente dramática nas comarcas con maior peso da indústria, como acontece na cosa, onde a construcción naval representa un sector estratéxico para a economía do país ademáis de ser o motor da actividade a nivel local.
Na área de Trasancos, Eume e Ortegal xa somos máis de 21.000 traballadores/as no desemprego, cifra que aumenta ante a ausencia de carga de traballo para os asteleiros da ría de Ferrol, resultado das sucesivas reconversións industriais e o aniquilamento planificado da nosa capacidade produtiva pola nosa integración na Unión Europea e no Estado español.

Por que aparece a  Asemblea de desempregad@s da CIG?

Ante o actual ritmo de desemprego crecente no seio do povo traballador da comarca e a ausencia dunha resposta organizada ante as causas que provocan esta dramática situación, a autoorganización d@s própios traballadores/as desempregad@s convértese nunha necesidade para facer fronte a unha problemática que é inerente ao sistema capitalista: o desemprego.
A iniciativa foi promovida pola Cig, que como sindicato nacional e de clase cede espazo físico e recursos materiais para que sexamos a afiliación desempregada da central sindical que realicemos as propostas de actividades que considerarmos, todas elas encamiñadas a denunciar e combater a situación de  desemprego que estamos a sofrer.

Que vai facer a Asemblea de desempregad@s da CIG?
A liña de actuación da Asemblea de desempregad@s da CIG está fundamentada na mobilización social.
"Non me chames parad@... son desempregad@ en risco de exclusión social", esta é a principal consigna que gúía a nosa intervención. Nada de ficar de brazos cruzados agardando inxenamente a que algúén resolva esta situación. Somos desempregad@s pero estamos moi activos!
A Asemblea de desempregad@s da CIG desenvolve as propostas de moblilización co obxectivo de visibilizar socialmente na rúa o grande conflito provocado pola avaricia deste sistema corrupto e explotador que desencadeou a actual crise.

Que medidas urxentes propoñemos dende a Asemblea de desempregad@s da CIG?
- Derogación das reformas lexislativas actuais e precedentes en materia laboral e de seguranza social (emprego, contratación, cotizacións, pensións, prestacións, etc.) regresivas das conquistas sociais e contrarias aos intereses e dereitos da clase traballadora.
- Xornada laboral de 35 horas semanais. Prohibición de realización de horas extraordinarias de carácter habitual ou estrutural.
- Salario Mínimo Interprofesional que permita unhas condicións de vida non deplorábeis (aproximadamente 1.100€)
- Subsidio por desemprego universal para todas as traballadoras e traballadores desempregadas non perceptoras de prestacións, de duración indefinida e en contía do SMI, con complementos por cargas familiares.
- Establecer o pagamento da prestación de desemprego para o primeiro día de cada mes.
- Plans públicos de formación interprofesional permanente para todas as traballadoras /es desempregadas. Un servizo público de emprego, con capacidade efectiva de colocación, inserción, formación e reciclaxe laboral. Desaparición das ETTs e odos servizos privados de contratación, emprego e formación ocupacional.
- Intervención pública na economía. Planificación da actividade e o desenvolvemento económico e ampliación do sector público, priorizando a actividade pridutiva e industrial, a creación de emprego estábel e a sitisfacción real das necesidades do povo traballador.
- Supresión de calquera exención, bonificación ou redución das cotizacións sociais e de financiamento dos custes de despido con diñeiro público ás empresas privadas.
- Exencións tributarias para traballadoras/es desempregadas.
- Ampliación dos servizos públicos en sanidade, ensino, servizos sociais, medio ambiente e cultura, co fornecemento de recursos e creación do emprego necesario.
- Suspensión de desafiuzamentos e lanzamentos xudiciais. Condonación dos cretos e débedas hipotecarias das familias traballadoras en situación de desemprego e insolvencia. Creación dun Parque Público de Vivenda con inmobles baleiros, en réxime de aluguer ou usufruto.